jueves, 9 de febrero de 2012






NOIVADO I


Cegoñas xeográficas no meu noivado noivo.
Un tempo craro como un illó de vidro.
Eu no meio de litorais e avións platino
cidadán de correntes submariñas color morno.
A miña craraboia en brúxula silvestre:
un arbre polo Norde, Oriente feito
de moluscos, Sur de ribeiras líquidas.
Eu de noivado. Nas mans arcos-de-vella,
vidreiras verde-tenre e colgaduras  finas.
Nin unha sombra nin faiados tímidos,
inocentes igoal a negros en domingo
o corazón no peito, risoños como esquíes.
Beilar ágoas lixeiras e sonos desprendidos
das cantigas máis novas. Sumando vals e faros.
Infuxível noivado estelar de cereixas,
amante de cristais. Eu o teño.




Álvaro Cunqueiro, Poemas do si e non.




As cores do amor. A súa tenrura. Identificados cos irisados do vidro, coas cores do arco da vella, coas cores diversas das vidreiras. Os risos dos namorados, as noticias que se esperan do ser amado, do ser sen o cal non pode un vivir. O amor coa mesma alegría có baile, coa danza do vals. Coa cor vermella das cereixas. Así se senten os namorados.


 Noivado I trátase dun fermoso poema no que o poeta reflite os diversos matices do amor xuvenil e mozo, dos noivos do noivado, tal e como aparecen na ilustración que para a portada fixo Luis Seoane. 


Construído o poema a partir dunha continuada xustaposición de imaxes, e xogando con palabras que nos levan ao campo semántico da ledicia (risoños, vals, cantigas, cereixas, vidro, vidreiras...) Un poema cheo de sensacións auditivas, visuais, táctiles (ágoas lixeiras). 


Un  fermoso poema para lle enviar á/ao namorada/o o día 14, por dicir un día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario