domingo, 5 de febrero de 2012

A NETA DO SEÑOR LINH, Philippe Claudel, Ed. Rinoceronte


Na  contraportada a reseña que figura é a seguinte:


" Dúas soidades que se xuntan. Un vello, o señor Linh, que abandona o seu país, fuxindo da guerra e levando nos brazos a súa neta, único motivo polo que viaxa cara a unha terra hostil da que descoñece a lingua e os costumes. E un home só, o señor Bark, que vive decote sumido nas súas lembranzas.
O día a día do protagonista mostra unha experiencia de soidade, desarraigo e illamento, unha realidade crúa, pero é tamén un canto á tolerancia, ao respecto e á esperanza a través da amizade."


Un libro cheo de emocións, emocións grandes, marabillosas, que salvan aos dous protagonistas da derrota.


O señor Linh chega refuxiado a un novo país, a unha cidade moi distinta ao seu mundo coñecido... fuxindo da guerra da súa terra, da súa aldea. E foxe pola súa neta, un bebé de poucas semanas. Á que protexe e coida cun afán incrible. Esa nena, Sang Diu, supón para el o motivo de vivir. Por iso saca forzas de onde non as ten. Con canto mimo coida a súa netiña! Canto cariño! Ponse a pel de galiña ao ler e ao imaxinar as escenas do home facéndolle a papilla na súa propia boca, apertándoa e abrigándoa para que non pase frío, lavándolle a camisiña... 


Sae á rúa e ao principio camiña compulsivamente, só quere camiñar, e sempre polo mesmo lugar, dando voltas ao rueiro. Ten medo a perderse. Pouco a pouco vai facéndose co rueiro. Cando se sente canso, senta nun banco fronte a un parque. A xente vai e vén con présa. Dominan a chuvia e a néboa. 


Un bo día senta ao seu carón o señor Bark, que lle fala e fala. O señor Linh non entende o que lle di, pero sente as palabras amables e cálidas. Iso demostra que para a comunicación non existen fronteiras lingüísticas. Non existen as barreiras para comunicárense dúas soidades. 
O señor Bark tamén está só. Enviuvou e agora desafoga falándolle a este home estranxeiro. Ata chega a fumar os cigarros con que o señor Linh o agasalla, a pesar de que teñen sabor a mentol e non lle gusta.


As soidades que se xuntan por efecto do destino na colmea da cidade, da vida, da humanidade. Sempre é posible atopar un ser afín.


Un libro precioso. Un exemplo de como dentro da traxedia e da soidade é posible o oasis da compañía e da boa xente.

                         


Yann Tiersen - Amelie

No hay comentarios:

Publicar un comentario